Onte celebramos unha charla sobre cooperativismo e enerxía

Onte celebramos a charla-debate que tiñamos organizada baixo o título “Cooperativismo para un modelo enerxético sostible”. Nela contamos coa presencia de Daniel Espinheira de Som Energía. En breve subiremos a gravación do evento, que contén a maior parte do que alí se falou, por iso deixaremos aquí reflectido un mero apunte.

IMG-20160601-WA0000

Leer Más…

Anuncios

CHARLA-DEBATE: COOPERATIVISMO PARA UN MODELO ENERXÉTICO SOSTIBLE

Actualmente, parecen quedar poucas dúbidas de que este sistema económico precisa un profundo cambio de paradigma, pero o que resulta incontestable é a inviabilidade medioambiental das actuais dinámicas produtivas e enerxéticas, dependentes dos combustibles fósiles ata un nivel suicida. Sen embargo, despois de que as crises confluíntes, a ecolóxica, a económica e a social, impactasen severamente no noso xeito de vida, non se observa nas institucións, organizacións políticas e no conxunto da sociedade, o cambio de mentalidade radical que esixe tan difícil encrucillada.
 flyer-a5-definitivo-energia-monty

Leer Más…

No #15M montamos un MercaTTIP

vG_UMlkG

Onte, no Obelisco, eliximos para a celebración do #15M unha pequena acción de rúa para manter a alerta sobre a ameaza do TTIP. Por iso montamos un MercaTTIP con produtos autóctonos, especialmente concebido para que grandes capitalistas comprasen e vendesen sen restriccións.

O acto desenvolveuse nun entorno festivo e, aínda que a concorrencia non foi moi grande, gustounos a tod@s voltar ás rúas, espazo natural de desenvolvemento para as que aspiramos a un cambio drástico neste sistema obsoleto e corrupto a partes iguais.

Para este 5º Aniversario do 15M quixemos facer fincapé en dúas cousas: no relativo éxito de certas mobilizacións sociais que logran facer saltar a chispa da indignación e que, no caso do TTIP constituíron un sorprendente exemplo de cohesión de moitos colectivos e eficacia divulgadora. E tamén na importancia de elixir ben os obxectivos das reivindicacións de cambio, porque o enimigo é calquera goberno neoliberal-autoritario, pero hoxe tamén o son, en gran medida, o Eurogrupo, as corporacións norteamericanas ou a gran banca. Consideramos que isto é algo que non debemos perder de vista mentres desenvolvemos loitas perentorias e moi lexítimas, pero de menor escala.

Queremos agradecer, outra vez máis, a todas as participantes o seu esforzo e o seu entusiasmo. Con persoas así, berrar nas rúas é doado.

Acabamos transcribindo o comunicado que lemos para esta ocasión onde se reflicte o potencial perigo do actual estado das cousas, pero tamén unha clara mensaxe de esperanza no cambio.

Reseñas na prensa? Pois afeitos a que a prensa local nos ignore, sorprendeunos que nos mencionasen nun xornal que non é precisamente unha célula de bolcheviques…

http://www.elidealgallego.com/articulo/coruna/espiritu-reivindicativo-retorna-obelisco-aniversario-15m/20160515234045285062.html

COMUNICADO NO 15M – CONTRA O TTIP

Veciños e veciñas da Coruña, en outubro de 2014 concentrámonos por primeira vez nesta mesma Praza para alertar dos prexuízos que o Tratado Transatlántico de Comercio e Inversión podería causar nas nosas vidas. A súa elaboración secreta e as consecuencias sufridas polos pobos onde se impuxeron tratados parecidos deixaban claro que esta era unha gran baza para as grandes corporacións e unha grave ameaza para a cidadanía.

Naquela ocasión revelamos que os tratos entre os Estados Unidos e a Unión Europea non perseguían cambiar patacas norteamericanas por xamón español, senón impoñer traballos precarios, comerciar libremente con transxénicos e pesticidas perigosos e lucrarse desmantelando os nosos servizos públicos. Tratábase dun ambicioso plan para permitir aos grandes capitais moverse libres sen respectar as economías locais, evitar as normas que nos protexen e incluso reescribilas para o seu beneficio.

Hoxe, mediado o ano 2016, as propostas máis ameazantes do tratado foron puntualmente confirmadas. Como dicía un prestixioso politólogo tras as filtracións recentemente divulgadas por Greenpeace, o TTIP é incluso peor do que parecía. Pero iso non quere dicir que a loita que comezamos daquela fose ineficaz. De feito, podemos afirmar que xa gañamos batallas moi importantes, e sen dúbida foi grazas á mobilización cidadana máis intensa e coordinada que lembramos fronte a un proxecto global dos poderes económicos dominantes.

A estas alturas, as vergoñas do TTIP xa son unha evidencia e non caben máis disimulos. De pouco lle está servindo a unha patética Unión Europea lavar a cara do Tratado. O merecido desprestixio deste plan xa está na rúa, e consegue día a día que se desinfle a proposta. Bruxelas recoñece que o TTIP entrou en vía morta, 1.300 concellos europeos decláranse contrarios, o goberno francés prevé o cese das negociacións… Quen nos ía dicir hai dous anos que eles están perdendo, e nós gañando?

Por iso hoxe, no aniversario do 15M, un movemento esperanzador que sacudíu o país hai cinco anos, parécenos un momento oportuno para celebrar o noso éxito, aínda que este non sexa definitivo. Merece a pena desfrutalo por dúas cousas: primeiro, porque está constituíndo un triunfo da unión da xente, do traballo colectivo do que estabamos tan necesitadas; e segundo, porque a loita xurdíu madrugadora e oportuna, coa forza xusta para conter a gravísima ameaza do TTIP, un ariete co que queren traspasar a fronteira dos nosos dereitos.

Agora xa sabemos como as gasta o gran capital, e agora entendemos mellor de onde veñen os golpes máis perigosos: das institucións europeas, das grandes corporacións, das altas finanzas. Cómpre, pois, que esteamos atentas e deseñemos as nosas defensas sen perdelas de vista.

E tamén sabemos que seguirán intentándoo, sen dúbida. Pero dominarnos non lles vai resultar tan doado como calculaban cando comezaron a concebir o delirio neoliberal do Tratado Transatlántico. Xa sabemos que é o que buscan, e a próxima vez saberemos defendernos a tempo coas mesmas armas coas que xa triunfamos.

Fronte aos que se queixan da mansedume cidadana apelemos a este exemplo. Quizais haxa quen dubide da capacidade colectiva para protexernos dos que atacan a nosa democracia, a nosa saúde ou o noso dereito a desfrutar dunha vida digna. Sen embargo, moitas non temos dúbida ningunha de que cando a cidadanía é consciente do que se xoga e cando logramos que prenda a chispa dunha loita xusta, non hai forza ningunha que nos poida humillar.

Así o demostramos e así voltaremos demostralo se fai falta.

Dous anos despois seguimos dicindo:

Venceremos ao TTIP!! Venceremos!! Seguro!!

Attac A Coruña

15M 2016

#15M RELOADED. XA TOCABA…

Esta fin de semana están convocadas distintas actividades que veñen a relanzar o que moitos movementos sociais apoiamos na rúa hai 5 anos. Attac A Coruña, estará alí cos demáis colectivos, como manda a ocasión.

GLOBALDEBOUT

Outra vez debemos dicir que se dan motivos de sobra para saír a rúa. É certo que existen moitas reflexións sobre o efectos favorables do inicial movemento do 15M, pero tamén sobre as aspiracións sen concretar, sobre a instrumentación política dalgunhas organizacións e incluso sobre  as frustracións directas que nos trouxeron algunhas propostas políticas que triunfaron; agora ben, en calquera caso, ninguén se atreve a negar que a cousa antes do #15M non eran igual.

 

Leer Más…

Vídeo do acto sobre o Plan B

Velaiquí tendes o vídeo da Mesa redonda organizada por Frente Cívico Somos Maioría que conta coa participación de Attac A Coruña.

PLAN_B CORUÑA from Attac Corunha on Vimeo.

Attac A Coruña participará nunha Mesa Redonda sobre o Plan B

A declaración para unha rebelión democrática en Europa, que serve de chamamento para o Plan B, recolle reivindicacións ineludibles para calquera movemento, organización ou colectivo que pretenda un auténtico cambio social nesta presunta Unión Europea antidemocrática e opresiva en plena descomposición moral…

planb

Pero ata dispoñer dun Plan que nos permita cambiar as cousas aínda hai moito que falar e decidir. Quedan demasiadas institucións que reformar (ou erradicar), cambios drásticos que aplicar nas nosas economías e un número preocupantemente alto  de necesidades sociais, medioambientais e humanitarias que garantir.
A crise, e quen di a crise di os seus causantes, que non son outra cousa que os grandes capitais e os seus sicarios institucionalizados, acabaron por deixar as inmundicias do sistema á vista. E agora só queda un entorno fragmentado e hostil para a maioría, onde medran obscenamente certas fortunas mentres se acentúan as miserias máis profundas da man dunha mecánica implacable que compre atallar. Xa vai sendo hora, pois, de organizarse.
A tarefa será complicada. Teremos que inventar xeitos novos de actuar e opoiarnos uns/has n@s outr@s ata que chegue o momento de impoñer as nosas lexítimas prioridades. Porque esta vez non se poden eludir as formas exquisitamente democráticas, non podemos prescindir do apoio dunha sociedade profundamente convencida dos seus dereitos e non lograremos nada sen a participación de moitas voces, culturas e proxectos diferentes. O obxectivo é lograr un poderoso e rico movemento guiado por unha profunda vocación de xustiza,  igualdade.
Demasiado para un plan, dirán moit@s. Certamente, pero  se nós non tomamos en serio a nosa nova axenda, baseada nos dereitos humáns e na equidade, na sostibilidade económica e no interese social, estaremos condeados a sufrir a que outros nos impoñen. E esta si que xa sabemos en que consiste.
Na mesa redonda que se organiza da man de Saír do Euro intentaremos aportar, para esta construcción colectiva, a humilde visión do activismo altermundista.
Invitámosvos a compartir esas e outras reflexións o vindeiro 06.04.2016. Sen dúbida, un bo preparativo para a gran movilización, o Día Europeo de Acción do 28 de Maio.

 

Charla-debate: “Decrecemento como introducción á Economía Ecolóxica”

ATTAC A CORUÑA abordará no C.S. A COMUNA a charla-debate “Decrecemento como introdución á Economía Ecolóxica”

decrecemento-ANUNCIO-RRSS

A grave e persistente crise económica en curso parece estar amosando que nos desarranxos do sistema latexa algo máis ca indisciplinas financeiras, predominio das grandes corporacións ou fortes desigualdades sociais. Sen embargo, as voces máis críticas continúan insistindo en corrixir as relacións económicas coas receitas convencionais aplicables ao mercado laboral, á débeda, á inflación…

Dalgún xeito, as propostas alternativas parece que só aspiran a reverter o proceso de acumulación enfermiza, de precarización social ou de desestabilización financeira eludindo outras consideracións “extraeconómicas”. Manteñen así o tradicional divorcio entre economía e o medioambiente dando por boa esa vision da natureza coma un mero accesorio que nos provee de recursos, sendo as relación económicas o corazón do sistema e, polo tanto, o único que debe ser revisado mediante constantes reaxustes.

Pero a realidade física é obstinada: esgótanse  os combustibles, os minerais e ata os peixes; quece o Planeta de xeito alarmante; degrádase o entorno e migran poboacións; enferma a sociedade… Son xa demasiadas as alarmas que dan conta dun inminente e gravísimo desequilibrio. Ao final, vai resultar que a crise non é só económica, tamén o é social e, en grandisima medida, medioambiental.

Consideramos, por iso, que urxe enriquecer a análise económica coas asentadas teorías científicas que amosan a insostibilidade  deste sistema produtivo, e tamén coas significativas experiencias que atesouran moitos colectivos con coñecementos nos campos máis variados: a agroecoloxía, o cooperativismo, o ecofeminismo, a autoxestión…

Dende Attac A Coruña, pretendemos trasladar á cidadanía esta visión moito máis complexa, e para esta tarefa parécenos axeitado facer uso do poderoso concepto de decrecemento, seguramente o máis significativo para abrir camiño cara á Economía Ecolóxica, unha nova forma de entender a xeración e repartición dos bens de maneira integrada, solidaria, acougada e liberada da perversa influencia de poderes corporativos, das institucións obsoletas e das dinámicas de consumo que degradan irreversiblemente a nosa contorna e as nosas vidas.

Non caben máis aprazamentos contra o cambio climático

Representantes de 195 países, máis a Unión Europea, acudirán as dúas primeiras semanas de decembro ao Cume do Clima de París (21 Conferencia das Partes, COP21) co fin de alcanzar un pacto global de loita contra o cambio climático.

FOLLETO CAMBIO CLIMÁTICO (preme no enlace ou na imaxe)

portada-folletoO seu obxectivo é acordar un pacto que xestione o proceso mundial de descarbonización para que a temperatura do planeta non supere os perigosos 2 graos a finais de século, así como para colaborar na adaptación aos impactos que producirá o cambio climático aínda cando non se supere ese límite.

É certo que nunca antes existiu un momento político tan favorable ao acordo climático: China e Estados Unidos rubricaron un compromiso para loitar xuntos contra o quecemento; e os países do G-7 emitiron unha declaración comprometéndose a poñer fin aos combustibles fósiles en 2100.

Sen embargo, como estaredes observando estes días, un problema crucial co que nos xogamos literalmente a nosa supervivencia está sendo relegado aos últimos lugares no ranking de noticias electoralmente atractivas. Precisamente por este habitual desinterese da sociedade e de gran parte dos responsables políticos, e tamén polas mesmas imposicións xeopolíticas e as fortísimas inercias que fixeron fracasar as anteriores cumes climáticas, non hai moitos elementos que nos inviten ao optimismo.

O único que podemos dicir é que, aínda así, nunca tivemos tantas ganas de estar equivocad@s…

 

A %d blogueros les gusta esto: