Turismo depredador, termalismo e outras desgrazas

asveigas

Falar mal do turismo en España implica cuestionar un dos motores básicos da nosa economía. Aos seus defensores bastaríalles replicar que España recibíu en 2015 uns 70 millóns de turistas, ou que estes deixaron 51.000 millons de euros en divisas. En realidade, estamos a falar dun sector que proporciona miles de empregos e que supuxo ese ano o 11,2% do noso PIB…

Sen embargo, existen aspectos incómodos que a nosa tradicional dependencia desa “fonte de riqueza” lévanos a pasar por alto. En principio, sabemos que non se trata dunha actividade demasiado rendible. Fíxense que nin cos 70 millóns de visitantes evitamos unhas escandalosas cifras de paro e precariedade laboral. Por outro lado, priorizando este sector dende o franquismo só conseguimos construír unha economía desequilibrada, dependente doutros países e medioambientalmente insostible.

[reposición dun artigo borrado accidentalmente]

Precisamente estamos no vagón de cola dos países europeos por non producir bens e servizos cualificados e por limitarnos a vender a nosa natureza e o noso traballo a prezo de saldo. Se a iso lle engadimos hábitos intimamente asociados ao desenvolvemento turístico, como o enorme derroche en infraestruturas (autovías, AVE, aeroportos…) e a especulación inmobiliaria, o cadro é ben preocupante.

Para colmo, padecemos unha perversa influencia do turismo na política ambiental. A natureza non ten prezo, pero se o tivese cabería reprantexarse, por exemplo, o benefizo que nos aportan os exclusivos campos de golf, que esgotan acuíferos, contaminan e acaparan enormes extensións de espazo natural e agrícola para lucrar a moi poucas empresas. Ou que saen gañando tantas vilas costeiras convertidas en borrachódromos para o exclusivo lucro de catro “empresarios do ocio” que non respectan a convivencia.

Especialmente grave resulta tamén o deterioro urbano e social. Pensen, senón, en quen desfruta das grandes urbes transformadas en rutilantes “parques temáticos de ocio” máis ca os turistas e os consumidores solventes. Ou como as zonas históricas reformadas cos impostos de tod@s acaban sendo desfrutados por visitantes e habitados por veciños de alto poder adquisitivo, que ocupan o espazo que pertencía á xente humilde, agora recolocada no extrarradio.

E xa non digamos se reparamos nos danos urbanísticos nas nosas costas e nos entornos naturais privilexiados. A zona costeira foi practicamente arrasada nuns decenios para que una privilexiada porción de residentes as desfruten un par de meses ao ano. Estou seguro de que se estudasemos a perda no patrimonio colectivo que supoñen as praias privatizadas, as urbanizacións destrutoras de entornos virxes, as pequenas vilas ateigadas de vehículos que só dan de comer a catro hostaleiros e a uns poucos vendedores de souvenirs, acadariamos unhas cifras negativas inaceptables. Resulta innegable a tendencia do sector turístico a destruír a natureza, a despersonalizar os entornos, a eliminar xeitos de vida propios… e a non sacarnos de pobres.

Por sorte, xa hai cidades como Barcelona que se rebelan contra tanta desfeita. O seu centro está acaparado por luxosos edificios, por coidados espazos de interese cultural, por locais de hostelería das grandes cadeas estranxeiras e por barrios cheos de visitantes na busca de calquera rasto de “tipismo local”. Pero os veciños pregúntanse agora se merece a pena tanto axetreo, tanto derroche e tanta perda de identidade; se é xusto que teñan que pagar as onerosas instalacións urbanas, os incrementos de gasto na xestión da auga e dos residuos, o mantemento das praias urbanas ou as melloras en autopistas e aeroportos que aproveitan masivamente os visitantes.

Porque os turistas non pagan eses excesos, dende logo. Eles veñen da man de grandes empresas moi competitivas que lles reducen os custos ao mínimo grazas, en parte, ás subvencións, ao uso semigratuíto da natureza e do patrimonio, ás colosais infraestruturas públicas e á escaseza de impostos cos que a administración quere atraer aos empresarios do sector.

Por iso resulta chocante escoitar aos líderes locais cando ofrecen un turismo ou un termalismo que traerá miles de visitantes e empregos a encher. Asumen, como a cidadanía, que cómpre favorecer a uns inversores que crearán riqueza, pero os que chegan son empresarios oportunistas que, impulsados polas axudas públicas, logran explotar unhas riquezas patrimoniais ou naturais irrepetibles (mosteiros, augas termais, bosques…) a cambio dunha esmola que a sociedade recibe en forma de catro empregos de ínfima calidade.

Pregunten en Prexigueiro, un pequeño pobo do Ribeiro que padecía ata hai pouco restricións de auga potable e pésimos accesos. Alí apareceron, de pronto, moitos cartos públicos para as Termas de Prexigueiro, unha concesión a unha empresa privada por 90 anos(!). Dende aquela aparecen 50.000 vehículos por tempada con turistas que só gastan cartos na explotación termal. O único que recibíu a veciñanza foi da usurpación do seu espazo natural e a constante invasión de coches nas súas fincas ata impedirlles o desenvolvemento pacífico das súas tarefas diarias. Iso sí, creáronse empregos. Pero cantos? En palabras do Alcalde de Ribadavia cando anunciou o proxecto: “entre 8 y 10”. Boten contas.

Por todo o exposto, non estaría de máis comezar a falar de turismo usando un pouco a cabeza e bastante a calculadora. Non será difícil comprobar como sector favorece a moi poucos axentes económicos, impulsa o consumo superficial, favorece a destrución intensa da natureza e, sobre todo, faino sen aportar riqueza económica ao conxunto da poboación nin riqueza cultural ou vital ao viaxeiro. Esperemos que algún día este país esqueza esa postura mental cateta e acomplexada e comece a respectar o noso entorno natural e aos nosos traballadores como merecen.

J. A Villar en Ourensefala

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: