Desfrutar matando: o cruel negocio da caza.

tecor-sanguinarioCada ano, unhas 800.000 persoas practican a caza en España. Aquí  dispoñen dun 80% do territorio para desfrutalo, incluíndo camiños públicos, montes á beira de aldeas e, ocasionalmente, ata reservas naturais.

Evidentemente, isto supón un problema para a natureza e para o 95% da poboación restante, que debe compartir espazo cun exército de afeccionados que deciden en décimas de segundo e baixo estado de excitación cara a onde disparan balas que matan a 1 km ou perdigóns que poden deixarte cego a 200 metros, aparte de contaminar con 6.000 Tm anuais de chumbo o chan e os acuíferos… A ninguén estrañará, pois, que cada ano morran por disparo 20 ou 30 persoas e resulten feridas outras 800, algunhas con serias minusvalías; ou que, en conxunto, os accidentes asociados á actividade cinexética superen os 2.500. Como explicar, entón, que unha actividade tan perigosa e prexudicial sexa permitida e promovida no noso entorno baixo a denominación de “deporte”?

Explicalo lévanos aos tempos nos que a caza natural e a caza recreativa eran indistinguibles nunha sociedade na que aos animais silvestres eran simples recursos que a natureza poñía á disposición do home. Pero co paso dos séculos todo cambiou. A sociedade avanzada acabou por facerse consciente da profunda relación entre a humanidade e a natureza e entendeu a relevancia existencial dos animais. Foi entón cando a versión da caza ociosa comezou a percibirse dun xeito distinto a aquela práctica tradicional, hoxe en declive, que consistía no sacrificio lexítimo de animais para cubrir necesidades ou porque o acto tiña un valor simbólico profundo (p.ex. o rito de acceso á idade adulta nunha tribu).

Pero ese cambio de percepción non conseguíu deter o negocio-deporte de matar por matar, que barre cada ano en España a vida de 40-50 millóns de seres vivos para convertelos en trofeos inútiles. Iso por non falar dos envelenamentos e trampas que levan á agonía a innumerables exemplares, ou mesmo a incrible atrocidade de sacrificar uns 50.000 galgos “inservibles” mediante aforcamentos e disparos. De matar animais para obter recursos pasouse a gastar recursos para matar animais, para excitarse destrozando criaturas que enriquecen o noso planeta. A cambio, o sector da caza fabrícalles lexitimidade nos medios con disparates seudocientificos como que “manteñen vivo un instinto humano ancestral” ou “protexen o medioambiente regulando as poboacións salvaxes”.

De momento, iso de manter o instinto atávico do home pola caza ten tanto sentido como voltar á alimentación baseada na recollida de froitos silvestres, despiollarse en familia ou durmir entre as pedras por darlle gusto ao noso subconsciente reptiliano. Por máis que estas fosen reaccións instintivas e solucións culturais da nosa pasada evolución, é absurdo revivilas, como ocorre coa caza nun entorno de absoluta supremacía humana, cando o instinto parece invitarnos máis ben ao control da nosa propia expansión e a conservar o pouco entorno que nos queda. Para que revivir unha cruel e desigual “competencia de instintos” fronte a uns animais inofensivos que colaboran con nós enriquecendo os ecosistemas comúns?

Por outro lado, asumir que a caza “regula as poboacions” esixiría aceptar que centos de miles de escopeteiros ansiosos (que obteñen licencias tras unhas probas concebidas para idiotas) constitúen un concienciado grupo de amantes da natureza que cando saen os domingos a divertirse dedícanse a analizar coidadosamente os desaxustes das poboacións, a calcular científicamente os efectos que van provocar sobre o entramado de especies dos delicados ecosistemas e, finalmente, a executar a tiro limpo a correspondente solución reequilibradora…

Evidentemente, non é posible regular ecosistemas alimentando artificialmente especies salvaxes, matando animais sans de xeito indiscriminado, soltando aves criadas en granxa nos espazos naturais, espantando fauna que comparte territorio coas especies cinexéticas ou exterminando minuciosamente os animais depredadores para que non compitan con eles polas pezas de caza. De feito, esta última práctica ocasiona sobrepoboacións incontrolables. Así, matar lobos aumenta a poboación de xabarís e matar zorros provoca a proliferación de coellos. Unha boa noticia para os cazadores, que gustosamente organizarán ducias de batidas (de ineficacia demostrada) nas que poder darse un macabro festín de pezas fáciles. Pero tamén se da a grave sobreexplotación doutras, como a codorniz ou a tórtola, nas que xa se detecta unha moi preocupante merma de individuos. E como corolario de tanta desfeita está a imparable desaparición de exemplares de osos, urogalos, águias, linces e outras especies senlleiras, que os cazadores colaboraron en colocar á beira da extinción.

Para colmo, non só fan dano aos animais e aos ecosistemas, tamén afectan gravemente á actividade e á seguridade das persoas cando cortan camiños ou organizan perigosas e ruidosas batidas nas que se dispara sen sinalizar terreos. Ou cando espantan e incluso ameazan aos habitantes rurais, ciclistas e amantes da natureza en días de ocio, acaparando enormes áreas dunha paisaxe cada vez máis escasa para desfrutar o seu privilexio exclusivo, que tantas veces consiste nun vulgar “botellón armado” para superviventes instintivos con sobrepeso…

En canto ao aspecto legal, resumirei a situación afirmando que a administración desenténdese descaradamente do equilibro medioambiental e orienta a normativa á obtención de “recursos cinexéticos” para proveer os coutos de caza, simples parques temáticos a campo aberto onde miles de usuarios abaten animais de xeito divertido, cruel e insolidario e, sobre todo, lucran a un sector económico tan influínte como dañino.

Outro continuamos falando da moi discutible riqueza que xera a caza. Mentres tanto, pídolles que reconsideren se debemos consentir que a innecesaria matanza de animais siga sendo unha actividade lícita. E para iso basta con calcular canto vale a morte e o sufrimento de millóns de seres indefensos que nos acompañan sostendo a vida no planeta.

J. A Villar publicado orixinalmente en Ourensefala

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: