O noso debate sobre prostitución sáldase sen ferid@s de gravidade

Confesamos que a charla-debate sobre prostitución de onte deixounos un pouco sobresaltad@s. Por suposto, non se tratou da charla en si, da que estamos moi satisfeit@s. Foi o debate posterior o que se nos foi un pouco das mans, aínda que o sangue non chegou ao río… Do acto subiremos un vídeo en breve. De momento, queda esta reseña.

CnQz9xGXEAAYxV9

Comezou falando a nosa compañeira Sara, quen fixo unha aproximación humana e verosímil ao tema para evidenciar a superficialidade coa que se aborda o problema da prostitución no norte do mundo, tanto pola maioría tolerante cun abuso de enormes proporcións (que perciben lonxano porque non lles afecta persoalmente), como por parte daquel@s que que ensalzan a presunta liberdade dos corpos ignorando a dolorosa evidencia da outra cara da moeda: a da explotación na que viven actualmente millóns de mulleres pobres abocadas a venderse como mercancía. Sara recordounos que o entorno no que xurde nos países empobrecidos é dificilmente imaxinable no mundo “desenvolvido”, e que cómpre tomar moita máis conciencia e loitar activamente contra a transixencia respecto ao “negocio do sexo”, que se nutre da pobreza e do sometimento inxusto dunhas mulleres que non tiveron a menor oportunidade nos seus países de orixe.

Pola súa parte, as compañeiras feministas do Foro Falando Nós, Yerma e Victoria, das que tiñamos excelentes referencias, cumpriron sobradamente as expectativas cunha mensaxe trabada, solvente e chea de datos incontestables. O enfoque da prostitución como resultado dun sistema económico depredador, dunhas tradicións culturais machistas e dunha evidente neglixencia de gobernos e institucións á hora de abordar esta lacra, resultou moi convincente.

IMG_20160713_203913

Ninguén foi quen, no intenso debate posterior, de botar abaixo evidencias como a da escandalosa minoría de idade de moitísimas mulleres prostituídas, a da connivencia dos gobernos de certos países pobres, a da endémica relación da prostitución co mundo delincuencial máis sofisticado, o do uso das drogas e da violencia extrema para “domesticar” e atar persoas á oculta escravitude das factorías de explotación sexual que proliferan impunemente… Un aporte particularmente estremecedor foi un pequeno vídeo que deu comezo ás súas intervencións. Imposible permanecer indiferente ante comportamentos tan brutais e cotiás no sórdido mundo da “industria do sexo”.

Pero unha vez rematados estes argumentos, xustamente os que se ofreceron na convocatoria, foi cando a cousa medrou ata a un punto de pura incandescencia dialéctica. E, a touro pasado, penso que estaría ben reflexionar sobre un par aspectos da xornada.

O primeiro, obríganos a  comezar desculpándonos. Arrebatar a posibilidade de réplica á primeira participante do público nun intento de neutralizar a inminente revolta que, de todos modos, acabaría por chegar, non foi correcto. Varias mulleres indignadas non dispuxeron da oportunidade de ir calmando e acoplando as súas intervencións dada a contundencia inicial do conductor que subscribe ao atallalas, o que provocou que abandoasen o local. Persoalmente, pídolles perdón pola miña torpeza,  froito da inexperiencia, que non da prepotencia.

Pero é xusto recoñecer tamén que ao abrir o turno de palabra o primeiro que recibimos delas non foi argumento ningún sobre prostitución, do que sorprendentemente se despreocuparon para acometer con insistencia un un reproche agrio e hostil cara aos/ás organizador@s: “Se non invitastes a prostitutas esta charla é indignante e queda totalmente desacreditada”. Parece que ou se celebraba como elas querían ou non se podía celebrar. De pouco servíu alegar a nosa escasísima capacidade organizativa. A súa resposta foi de absoluto desprezo á explicación, dando a entender que non era crible. Pero o certo é que seguimos pensando que máis vale sacar un tema precariamente que non sacalo nunca, e un  pequeno grupo de activistas que loitan pola xustiza económica, xunto con outras feministas que loitan contra a desigualdade de xénero e o abuso, penso eu que merecen respecto por intentalo. Acaso non tiñamos ningún dereito a expresar argumentos se non se cumpría o requisito de incluír unha prostituta na mesa?

E, xa postos, que tipo de prostituta propoñían? Dase por suposto que unha que defenda a regulación. Quizais unha de vida burguesa que escribe chamativos  libros sobre a súa tormentosa biografía? Ou, se cadra, unha activista segura de si, con fortes vínculos colectivos, plenamente consciente dos seus dereitos e capaz de abandoar cando queira o exercicio da prostitución?

Pero se tratase de dar voz ás prostitutas, sendo rigoroso, seguramente habería que traer unha representante promedio das que reflicten as frías estatísticas. Dende logo, unha que non quere ser prostituta. Ben podería tratarse dunha nena de 18 anos, inmigrante, afeita ao sometimento, paralizada pola inseguridade vital e coa auto estima baixo terra; posiblemente vítima de traumas familiares e coa pobreza pesando na súa mochila. Non debería ter moitos estudos, e tampouco disporía de demasiados argumentos teóricos formulados sobre o propio drama que protagoniza…

Era quizais este arquetipo maioritario o “tipo” de prostituta” que querían ter a toda costa na mesa as airadas asistentes? Porque nas charlas que se divulgan por aí ese non é, nin moitísimo menos, o perfil promedio das defensoras da prostitución. Que lles parece, entón, se calificamos tamén esas charlas que propoñen como referencia de charlas “elitistas” que ignoran a un colectivo específico sen darlle voz? E, por certo, porque non adoitan incluír tamén a voz de clientes, proxenetas ou curas nas súas charlas? Non quedan así deslexitimadas por non aportar voces diverxentes? Evidentemente, non.

IMG_20160713_192226

Non obstsante, comprendemos a exaltación dun sector d@s asistentes, pois hai moi poucas oportunidades de facerse oir por certos colectivos. Debe ser por iso que traían moita ansia de falar, de amosarse, de argumentar. Iso foi o que conseguimos, e enriqueceunos, sen dúbida ningunha. Pero non é xusto que a pequena asociación Attac pague ela soa a culpa de todas esas carencias e frustracións. Abrímonos humildemente a un problema gravísimo coas ferramentas que tiñamos, e do mesmo xeito que se pode falar de evasión fiscal sen traer un evasor fiscal, ou de venda de órganos sen contar con alguén que cedeu un ril,  optamos por traer argumentos dende fora da “profesión” do sexo amparad@s  por voces feministas cualificadas e coñecedoras da problemática.

Conste que moi mal non o debemos facer cando se encheu o local ata acabar o acto e falaron, aparte das poñentes abolicionistas, regulacionistas, prostitutas e escéptic@s de diversa índole (algúns/has cun ton de superioridade bastante insufrible, por certo). Demos voz a posicións opostas á nosa aínda que, ao meu xuízo non foron quen de desbaratar nin modificar sequera a innegable realidade da prostitución como mercantilización do corpo feminino. E fronte ao infroitoso e circular argumento “en realidade eu non vendo o meu corpo, non me quitaron un trozo” (unha persoa anana que se deixa lanzar nunha discoteca para botar unhas risas tampouco perde trozos, pero non quita que sexa un “servizo” moralmente inaceptable para a sociedade), emitido dende a individualidade máis recalcitrante tan propia destes tempos onde moitos aspectos da vida deixan de observarse dende o colectivo, está a innegable e terrible lacra da explotación de millóns de mulleres que dan de vivir e deixan desfrutar a miles de desalmados e desconsiderados, e ata favorecen as estatísticas de economías depredadoras. Iso non debe ser legal nin socialmente aceptado.

Sexa como sexa, perdón pola inmodestia pero fomos atrevid@s ao sacar á rúa este espiñoso asunto cun aberto enfoque abolicionista. Só quixeramos que as persoas máis afectadas e implicadas con este problema (ou “servizo”, ou “sector económico” ou “traballo”, se el@s o prefiren denominar así) saiban de que lado estamos e teñan clara a nosa vocación de cambio social e de mellora das circunstancias vitais das persoas desfavorecidas. E ninguén poderá negar que estas abundan no mundo da prostitución..

Outra cousa é que non esteamos de acordo nos argumentos, pero no que si o estaremos, con toda seguridade, é en que se trata dun debate necesario que cómpre ir perfeccionando. Demasiadas persoas están sufrindo esta falta de consenso definitivo mentres o brutal incumprimento dos dereitos humáns  fai mella en millóns de vidas por culpa da pasividade. Haxa ou non individuos que teñan a capacidade de colocar o seu corpo nunha esfera mercantil perfectamente separada da súa mente (moit@s pensamos que esa capacidade aínda non se da tanto como afirman os promotores da regulación) a explotación das mulleres en prostitución, as reais, as escravas, as vítimas, as que proceden de países lonxanos e de familias pobres, debe ser erradicada canto antes. Seguiremos afirmando: #ProstituciónAbolición

Moitas grazas ás poñentes e a todas as persoas que interviñeron. Vémonos na próxima. E, por favor, se se da o caso vinde calmadas, que nós tamén tomaremos medidas… e se fai falta doble dose de Trankimazín.

César Villar

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: