No #15M montamos un MercaTTIP

vG_UMlkG

Onte, no Obelisco, eliximos para a celebración do #15M unha pequena acción de rúa para manter a alerta sobre a ameaza do TTIP. Por iso montamos un MercaTTIP con produtos autóctonos, especialmente concebido para que grandes capitalistas comprasen e vendesen sen restriccións.

O acto desenvolveuse nun entorno festivo e, aínda que a concorrencia non foi moi grande, gustounos a tod@s voltar ás rúas, espazo natural de desenvolvemento para as que aspiramos a un cambio drástico neste sistema obsoleto e corrupto a partes iguais.

Para este 5º Aniversario do 15M quixemos facer fincapé en dúas cousas: no relativo éxito de certas mobilizacións sociais que logran facer saltar a chispa da indignación e que, no caso do TTIP constituíron un sorprendente exemplo de cohesión de moitos colectivos e eficacia divulgadora. E tamén na importancia de elixir ben os obxectivos das reivindicacións de cambio, porque o enimigo é calquera goberno neoliberal-autoritario, pero hoxe tamén o son, en gran medida, o Eurogrupo, as corporacións norteamericanas ou a gran banca. Consideramos que isto é algo que non debemos perder de vista mentres desenvolvemos loitas perentorias e moi lexítimas, pero de menor escala.

Queremos agradecer, outra vez máis, a todas as participantes o seu esforzo e o seu entusiasmo. Con persoas así, berrar nas rúas é doado.

Acabamos transcribindo o comunicado que lemos para esta ocasión onde se reflicte o potencial perigo do actual estado das cousas, pero tamén unha clara mensaxe de esperanza no cambio.

Reseñas na prensa? Pois afeitos a que a prensa local nos ignore, sorprendeunos que nos mencionasen nun xornal que non é precisamente unha célula de bolcheviques…

http://www.elidealgallego.com/articulo/coruna/espiritu-reivindicativo-retorna-obelisco-aniversario-15m/20160515234045285062.html

COMUNICADO NO 15M – CONTRA O TTIP

Veciños e veciñas da Coruña, en outubro de 2014 concentrámonos por primeira vez nesta mesma Praza para alertar dos prexuízos que o Tratado Transatlántico de Comercio e Inversión podería causar nas nosas vidas. A súa elaboración secreta e as consecuencias sufridas polos pobos onde se impuxeron tratados parecidos deixaban claro que esta era unha gran baza para as grandes corporacións e unha grave ameaza para a cidadanía.

Naquela ocasión revelamos que os tratos entre os Estados Unidos e a Unión Europea non perseguían cambiar patacas norteamericanas por xamón español, senón impoñer traballos precarios, comerciar libremente con transxénicos e pesticidas perigosos e lucrarse desmantelando os nosos servizos públicos. Tratábase dun ambicioso plan para permitir aos grandes capitais moverse libres sen respectar as economías locais, evitar as normas que nos protexen e incluso reescribilas para o seu beneficio.

Hoxe, mediado o ano 2016, as propostas máis ameazantes do tratado foron puntualmente confirmadas. Como dicía un prestixioso politólogo tras as filtracións recentemente divulgadas por Greenpeace, o TTIP é incluso peor do que parecía. Pero iso non quere dicir que a loita que comezamos daquela fose ineficaz. De feito, podemos afirmar que xa gañamos batallas moi importantes, e sen dúbida foi grazas á mobilización cidadana máis intensa e coordinada que lembramos fronte a un proxecto global dos poderes económicos dominantes.

A estas alturas, as vergoñas do TTIP xa son unha evidencia e non caben máis disimulos. De pouco lle está servindo a unha patética Unión Europea lavar a cara do Tratado. O merecido desprestixio deste plan xa está na rúa, e consegue día a día que se desinfle a proposta. Bruxelas recoñece que o TTIP entrou en vía morta, 1.300 concellos europeos decláranse contrarios, o goberno francés prevé o cese das negociacións… Quen nos ía dicir hai dous anos que eles están perdendo, e nós gañando?

Por iso hoxe, no aniversario do 15M, un movemento esperanzador que sacudíu o país hai cinco anos, parécenos un momento oportuno para celebrar o noso éxito, aínda que este non sexa definitivo. Merece a pena desfrutalo por dúas cousas: primeiro, porque está constituíndo un triunfo da unión da xente, do traballo colectivo do que estabamos tan necesitadas; e segundo, porque a loita xurdíu madrugadora e oportuna, coa forza xusta para conter a gravísima ameaza do TTIP, un ariete co que queren traspasar a fronteira dos nosos dereitos.

Agora xa sabemos como as gasta o gran capital, e agora entendemos mellor de onde veñen os golpes máis perigosos: das institucións europeas, das grandes corporacións, das altas finanzas. Cómpre, pois, que esteamos atentas e deseñemos as nosas defensas sen perdelas de vista.

E tamén sabemos que seguirán intentándoo, sen dúbida. Pero dominarnos non lles vai resultar tan doado como calculaban cando comezaron a concebir o delirio neoliberal do Tratado Transatlántico. Xa sabemos que é o que buscan, e a próxima vez saberemos defendernos a tempo coas mesmas armas coas que xa triunfamos.

Fronte aos que se queixan da mansedume cidadana apelemos a este exemplo. Quizais haxa quen dubide da capacidade colectiva para protexernos dos que atacan a nosa democracia, a nosa saúde ou o noso dereito a desfrutar dunha vida digna. Sen embargo, moitas non temos dúbida ningunha de que cando a cidadanía é consciente do que se xoga e cando logramos que prenda a chispa dunha loita xusta, non hai forza ningunha que nos poida humillar.

Así o demostramos e así voltaremos demostralo se fai falta.

Dous anos despois seguimos dicindo:

Venceremos ao TTIP!! Venceremos!! Seguro!!

Attac A Coruña

15M 2016

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: