Debate sobre Renda Básica en Cuac Fm

A cuberto, que veñen os nosos!!

(apuntes sobre o debate)

O pasado 30 de xaneiro, dous dos membros de Attac A Coruña fomos invitados pola emisora Cuac Fm para participar nun debate sobre a Renda Básica dentro do seu espazo “Está a pasar”. Velaiquí tendes o audio:

http://www.ivoox.com/a-renda-basica-a-debate_md_2793060_1.mp3″ Ir a descargar

 

Estudio-Cuac-FM_EDIIMA20130325_0426_4

Do dito debate merece a pena  destacar que as críticas non consistiron nas habituais monsergas da dereita, que califican a Renda Básica como unha subvención para vagos, sendo o salario a cambio de  traballo  a única vía  moralmente aceptable de subsistencia.  Tampouco tivemos que  argumentar fronte á variedade de críticas que usualmente recibimos, como  a suposta inviabilidade económica,  o resquemor de se converta nunha incitación para que veñan inmigrantes, ou os presuntos  efectos perniciosos sobre os salarios… Esta vez, os defectos máis ou menos tanxibles e substancialmente indemostrables da Renda Básica non saíron á palestra.  En realidade foi moito máis entretido: tivemos que esquivar todo o tempo munición real disparada polo noso bando.  Como din nas guerras, fartámonos recibir  “lume amigo”…

Precisamente por iso o encontro supuxo unha experiencia abondo positiva, unha boa posibilidade de atender críticas de alcance político e social  dende a esquerda máis aguerrida coa que compartimos postulados (aínda que o fixesen  nun ton  inxustificadamente hostil, que todo hai que dicilo) e tamén contando con intervencións críticas dende un fresco e desinhibido anarquismo. É dicir, a oposición á Renda Básica debatímola ese día con miras algo máis amplas que de costume. O máis sorprendente foi que dende o primeiro grupo citado  insistiron machaconamente nun prognóstico que ven sendo cada vez máis utilizado dende os entornos ideolóxicos máis próximos aos que defendemos a RB, e que veñen vaticinando que se establece unha RB o panorama resultante significaría un enorme reforzo para o propio sistema capitalista...

Eu confeso de antemán a miña ignorancia, e por iso non estaba ao tanto de que despois dunha longa historia de opresión e desigualdade social no mundo,   a  chegada do gran cambio revolucionario (cando?)  ESIXE QUE DETEÑAMOS DE INMEDIATO CALQUERA MECANISMO DE MELLORA SOCIAL que hoxe  só proporcionaría máis aire ao morrente capitalismo. O que non aclaran os críticos é que as castas dominantes póñense intratables cada vez que se lles menciona a Renda básica, ou sexa que non debe favorecer moito os seus intereses… En calquera caso, resulta chocante que a nosa proposta abondo radical de reparto e igualdade irrite tantísimo a algunhas xentes da esquerda que deberían apoiala, e que algo tan revolucionario como un mecanismo viable para conseguir a subsistencia digna de toda a cidadanía vaia resultar ao final  contraproducente para a Revolución con maiúsculas…

Quedamos, entón, en que no só é malo para os opresores, é que tamén lle senta  fatal aos que loitan contra os capitalistas para sacar adiante aos oprimidos…  Eu non entendo nada. Por certo, non estaría mal preguntarlles aos propios oprimidos que pensan, unha opción democrática que tanto opresores como revolucionarios eluden prantexar…

resulta chocante que a nosa proposta abondo radical de reparto e igualdade irrite tantísimo a xentes da esquerda que deberían apoiala, e que algo tan revolucionario como un mecanismo viable para conseguir a subsistencia digna de toda a cidadanía vaia resultar ao final  contraproducente para a Revolución con maiúsculas…

De verdade, non vos da a sensación de que é irreal e desproporcionado botar esa enorme culpa sobre a Renda Básica? A mágoa foi que nos escasos 10 minutos a que tocabamos por tertuliano, non tivesemos ocasión de desfacernos pormenorizadamente de tan tremendo pecado orixinal

cuac-fm-550x400

Como na radio non houbo tempo, apetéceme explicarme aquí con algo máis de detalle. E para que entendades, esa visión crítica de certas esquerdas centrábase en acusacións que eu recrearía así: “Unha RB potenciará a domesticación da cidadanía, que cun salario seguro na man vaise desentender de reclamar o que lle corresponde e da loita política; ou ben: “eses medios paliativos sobre a pobreza só serviría para engraxar unha maquinaria de consumo inxusta e insostible” (si, amig@s, lamento comunicarvos que a RB non só frustra revolucións; é que ademáis, pode derreter o Ártico…); ou mesmo: “a RB é concebida deliberadamente dende arriba a modo de placebo para alienados que facilitaría aos actuais donos de todo soster a desigualdade dentro duns límites tolerables”, algo así como: “antes de que se desmonte o capitalismo, repartimos unha esmola colectiva e xa non se moven”… E nós, que somos tontos, pois non nos moveremos. Máis ou menos como agora, non?

Evidentemente, eu penso xusto o contrario: considero que estar escravizado 10 horas no Mercadona por 800 euros baixo ameaza de despido ou sufrir o paro ou a exclusión social non coloca a unha persoa nas mellores condicións para ser activista, reclamar dereitos colectivos… ou esixir melloras laborais.

estar escravizado 10 horas no Mercadona por 800 euros baixo ameaza de despido ou sufrir o paro ou a exclusión social non coloca a unha persoa nas mellores condicións para ser activista, reclamar dereitos colectivos ou esixir melloras laborais.

Ben sei que ese tipo de críticas son lexítimas e necesarias. Porque ao meu entender, asumen unha saudable actitude de sospeita fronte aos habituais mecanismos “paliativos” dos gobernos (e polo tanto do Capital, ata aí estamos de acordo) nun intento estratéxico por evitar as desigualdades estremas que poidan orixinar cambios drásticos no sistema. Esa é unha visión intelixente, como non. Pero cómpre non pasarse de voltas; é preciso ser honesto e antes de gustarnos moito cos nosos elevados conceptos debemos calibrar o seu campo de aplicación, contrastalos co entorno real e usar os principios morais, sociais ou estratéxicos que correspondan.

En definitiva, esas fortes críticas de alcance histórico-político da esquerda esixente, como xa apuntei antes, son en realidade acusacións pragadas de dogmas que lle esixen á RB unhas intanxibles e desproporcionadas responsabilidades. Dalgún xeito, din os opositores que non satisfai a necesidade de emancipación total da humanidade, non conseguirá unha revolución socioeconómica radical, non destruirá o capitalismo e nin sequera logrará evitar o cambio climático… Pregúntome eu donde leron eles que a RB prometía milagros no canto dunha mellora moi sustancial e factible para esta sociedade e nesta situación. O eventual paraíso vindeiro, temémonos que vai depender de moitas máis cousas, pero a RB apunta na boa dirección nas súas esixencias máis profundas e non contradí para nada o ideario de mellora social e económica que todos coñecemos por instinto.

Para colmo, ao meu xuízo, foi  maliciosamente descartada no debate calquera opinión construtiva. De feito, pensó que houbo algo artificial no seu posicionamento: é imposible que na nosa proposta igualitaria de tanto impacto non atopasen nin un so punto de acordo. A non ser que ese férreo posicionamento seu só pretenda  teatralizar unha pureza radical, moi pracenteira de cara a posicionarse dialécticamente, pero que non encaixa coa evidencia da situación real. Como puideron ignorar tan descaradamente  os inmediatos benefizos sociais, políticos e humáns da nosa idea?  O  que resulta curioso é que, implícitamente, asumen a relativa  radicalidade da Renda Básica e do impacto positivo que acadarían as súas medidas, pero a diferencia é que eles din que frustra elevados principios e proxectos, e nós sostemos que o máis digno desafío que temos diante é aspirar á inmediata igualdade e a dignidade vital, e que non pode ser malo favorecer o cumprimento de perentorias necesidades

A diferencia é que eles din que frustra elevados principios e proxectos, e nós sostemos que o máis digno desafío que temos diante é aspirar á inmediata igualdade e a dignidade vital, e que non pode ser malo favorecer o cumprimento de perentorias necesidades.

Insisto en que o feito de que toda a cidadanía dispoña dun medio de subsistencia non ten por que impedir ningunha revolución que estea por facer. A RB non está concebida como ferramenta para  facer revolucións, pero tampouco ten forza suficiente para desfacelas. É un avance máis (claro que moi relevante), como o foi aceptar como desexable a igualdade radical das persoas homosexuais, a non discriminación laboral para a muller ou a solidariedade cos pobos oprimidos. Iso estase construíndo día a día, sen gran revolución que o respalde, senón con avances e reivindicacións concretas.  Dito doutro xeito: a loita “definitiva” non é cousa da Renda Básica: esa teremos que acometela todolos días e en calquera circunstancia; e non será a RB quen o impida. É máis, eu tampouco concibo que algún día poidamos dar por rematada esa loita de emancipación, sexa cal sexa a reforma que xurda e incluso sexa cal sexa a Revolución que trunfe…

 Que toda a cidadanía dispoña dun medio de subsistencia non ten por que impedir ningunha revolución que estean por facer. A RB non está concebida como ferramenta para  facer revolucións, pero tampouco ten forza suficiente para desfacelas.

Seguindo o seu argumento crítico, se un famento é unha vítima da desigualdade, darlle de comer sen arrebatarlle os medios de produción aos posuidores sería un retroceso inaceptable, pois reforzaría o capitalismo, o statu quo e a dominación. Así, en abstracto e sen anestesia Deste xeito, digo eu, xamáis sería posible saír dun sistema opresor en base a pequenos cambios, só caberían os cambios radicais de relevancia histórica… “Cuán largo me lo fiáis amigo Sancho”. Sen ser experto en materias clásicas, iso é un sofisma como a copa dun piñeiro. É mentira que todo o que se faga dentro do capitalismo sexa pro-capitalista. Francamente, liberar a toda a poboación, A TODA, da angustia de chegar a fin de mes a min paréceme o máis anticapitalista e emancipador que podemos obter neste momento. Eu utilicei unha torpe metáfora: mentres eles buscan por aí como facer para levantar a montaña do capitalismo destrutor, nós imos facendo o camino para que a xente vaia pasando.

Francamente, liberar a toda a poboación, A TODA, da angustia de chegar a fin de mes a min paréceme o máis anticapitalista e emancipador que podemos obter neste momento.

Se a cidadanía dispón dun mínimo vital o que pasará será o contrario: evolucionará en mellores condicións cara ao cambio. Quen nos seus cabais pode discutir que lle daría enorme  forza negociadora aos traballadores fronte aos explotadores; que lles  daría independencia vital e a posibilidade de elixir traballos desexados; que permitiría valorizar o traballo doméstico e voluntario; que favorecería a iniciativa colectiva (cooperativas) o autoemprego, a contención no consumo (o comportamento ecolóxico “virtuoso” do que fala o decrecentista Latouche) e o fin da angustia vital de tanta xente? Coño, pero como pode ser iso un obstáculo para un cambio social? Vidas autónomas, forzas liberadas, mulleres con posibilidade de evitar ataduras… Non é ese un escenario óptimo para o cambio?

Vidas autónomas, forzas liberadas, mulleres con posibilidade de evitar ataduras… Non é ese un escenario óptimo para o cambio?

Aparte diso adoecen algunhas críticas anti-RB dunha visión profundamente  antidemocrática, e incluso aristocrática, diría eu. Teño lido críticas feministas radicais do tipo: “A Renda Básica desincentivaría a liberación da muller ao permitirlle quedar na casa”. Varias preguntas ocórrenseme ao respecto: e logo as mulleres son tontas para non saber elixir por si o que lles convén? Claro, quizais dende esa atalaias de feministas con certo poder adquisitivo e con estudos só acaden a ver un arquetipo de muller de escasa formación cuxa única tarefa diaria é comprar no Carrefour do barrio sen saber que o traballo libera (por certo, o traballo libera?)… Pero, por que as subestiman?  Non entenden aínda que a xente sabe buscar sensatamente a súa autonomía se ten ocasión?  Ademais, non estamos dicindo machaconamente que o traballo doméstico é esencial? Para o home ou a muller que queira, que quede na casa, é a súa elección. Iso tamén é liberdade.

Tamén os compañeiros de debate viñan dicindo que cun salario fixo na man esta cidadanía (presumiblemente inculta e consumista, non  formada nas máis profundas ideas políticas) non vai mover un dedo para velar polo seu interese. Para iso están os revolucionarios avant la lettre, que saben por onde han de nos levar a todos os borregos que nos adoceamos cun pouco de fútbol e salarios fixos… O que no entendo é como eu, co meu salario fixo,  ando todo o tempo entre pancartas, charlas conflitivas e comunicados ecoloxistas… Un adoceado do carallo, iso debo ser.

En fin, outro día seguimos; de momento, xa dou por aclarado o que me quedou gana de aclarar. Agás un apunte final: que unha das compañeiras de debate me acusase oportunísimamente no minuto final e sen tempo para réplica de “apoiar” a forma de financiamento da Renda Básica en Alaska (con fondos de inversión en base a recursos naturais e que  eu xa non asumirá como o axeitado), foi absolutamente inapropiado, unha puñalada trapeira sen a menor xustificación. Iso sí, deixou abondo claro cal foi o seu ton e a súa actitude perante todo o debate, polo demais moi enriquecedor…  para o que quixo aprender algo.

Cesar

Casualmente, en ATTAC Madrid, un colega co que tiven o gusto de traballar fala hoxe dos sorprendentes e non sempre racionais ataques que recibe esta medida da RB por parte dos que deberían apoiala. Del, saquei hoxe o noso título.

http://www.attacmadrid.org/?p=10768

Anuncios

One response to “Debate sobre Renda Básica en Cuac Fm”

  1. rederibeiro says :

    Detienen a 19 personas por interrumpir el informativo de TVE en Extremadura
    Los activistas han portado una pancarta en la que se podía leer “En Extremadura, Renta Básica” y han impedido a los periodistas desarrollar el informativo. Se les acusa de los delitos de coacciones, allanamiento en domicilio de persona jurídica y desorden público.

    http://vozpopuli.com/economia-y-finanzas/38731-detienen-a-19-personas-por-interrumpir-el-informativo-de-tve-en-extremadura

    A COUSA MÓVESE…

    Me gusta

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: