Desfrutar matando: o cruel negocio da caza.

tecor-sanguinarioCada ano, unhas 800.000 persoas practican a caza en España. Aquí  dispoñen dun 80% do territorio para desfrutalo, incluíndo camiños públicos, montes á beira de aldeas e, ocasionalmente, ata reservas naturais.

Evidentemente, isto supón un problema para a natureza e para o 95% da poboación restante, que debe compartir espazo cun exército de afeccionados que deciden en décimas de segundo e baixo estado de excitación cara a onde disparan balas que matan a 1 km ou perdigóns que poden deixarte cego a 200 metros, aparte de contaminar con 6.000 Tm anuais de chumbo o chan e os acuíferos… A ninguén estrañará, pois, que cada ano morran por disparo 20 ou 30 persoas e resulten feridas outras 800, algunhas con serias minusvalías; ou que, en conxunto, os accidentes asociados á actividade cinexética superen os 2.500. Como explicar, entón, que unha actividade tan perigosa e prexudicial sexa permitida e promovida no noso entorno baixo a denominación de “deporte”?

Leer Más…

Turismo depredador, termalismo e outras desgrazas

asveigas

Falar mal do turismo en España implica cuestionar un dos motores básicos da nosa economía. Aos seus defensores bastaríalles replicar que España recibíu en 2015 uns 70 millóns de turistas, ou que estes deixaron 51.000 millons de euros en divisas. En realidade, estamos a falar dun sector que proporciona miles de empregos e que supuxo ese ano o 11,2% do noso PIB…

Sen embargo, existen aspectos incómodos que a nosa tradicional dependencia desa “fonte de riqueza” lévanos a pasar por alto. En principio, sabemos que non se trata dunha actividade demasiado rendible. Fíxense que nin cos 70 millóns de visitantes evitamos unhas escandalosas cifras de paro e precariedade laboral. Por outro lado, priorizando este sector dende o franquismo só conseguimos construír unha economía desequilibrada, dependente doutros países e medioambientalmente insostible.

[reposición dun artigo borrado accidentalmente]

Leer Más…

O noso debate sobre prostitución sáldase sen ferid@s de gravidade

Confesamos que a charla-debate sobre prostitución de onte deixounos un pouco sobresaltad@s. Por suposto, non se tratou da charla en si, da que estamos moi satisfeit@s. Foi o debate posterior o que se nos foi un pouco das mans, aínda que o sangue non chegou ao río… Do acto subiremos un vídeo en breve. De momento, queda esta reseña.

CnQz9xGXEAAYxV9

Comezou falando a nosa compañeira Sara, quen fixo unha aproximación humana e verosímil ao tema para evidenciar a superficialidade coa que se aborda o problema da prostitución no norte do mundo, tanto pola maioría tolerante cun abuso de enormes proporcións (que perciben lonxano porque non lles afecta persoalmente), como por parte daquel@s que que ensalzan a presunta liberdade dos corpos ignorando a dolorosa evidencia da outra cara da moeda: a da explotación na que viven actualmente millóns de mulleres pobres abocadas a venderse como mercancía. Sara recordounos que o entorno no que xurde nos países empobrecidos é dificilmente imaxinable no mundo “desenvolvido”, e que cómpre tomar moita máis conciencia e loitar activamente contra a transixencia respecto ao “negocio do sexo”, que se nutre da pobreza e do sometimento inxusto dunhas mulleres que non tiveron a menor oportunidade nos seus países de orixe.

Pola súa parte, as compañeiras feministas do Foro Falando Nós, Yerma e Victoria, das que tiñamos excelentes referencias, cumpriron sobradamente as expectativas cunha mensaxe trabada, solvente e chea de datos incontestables. O enfoque da prostitución como resultado dun sistema económico depredador, dunhas tradicións culturais machistas e dunha evidente neglixencia de gobernos e institucións á hora de abordar esta lacra, resultou moi convincente.

IMG_20160713_203913

Ninguén foi quen, no intenso debate posterior, de botar abaixo evidencias como a da escandalosa minoría de idade de moitísimas mulleres prostituídas, a da connivencia dos gobernos de certos países pobres, a da endémica relación da prostitución co mundo delincuencial máis sofisticado, o do uso das drogas e da violencia extrema para “domesticar” e atar persoas á oculta escravitude das factorías de explotación sexual que proliferan impunemente… Un aporte particularmente estremecedor foi un pequeno vídeo que deu comezo ás súas intervencións. Imposible permanecer indiferente ante comportamentos tan brutais e cotiás no sórdido mundo da “industria do sexo”.

Pero unha vez rematados estes argumentos, xustamente os que se ofreceron na convocatoria, foi cando a cousa medrou ata a un punto de pura incandescencia dialéctica. E, a touro pasado, penso que estaría ben reflexionar sobre un par aspectos da xornada.

O primeiro, obríganos a  comezar desculpándonos. Arrebatar a posibilidade de réplica á primeira participante do público nun intento de neutralizar a inminente revolta que, de todos modos, acabaría por chegar, non foi correcto. Varias mulleres indignadas non dispuxeron da oportunidade de ir calmando e acoplando as súas intervencións dada a contundencia inicial do conductor que subscribe ao atallalas, o que provocou que abandoasen o local. Persoalmente, pídolles perdón pola miña torpeza,  froito da inexperiencia, que non da prepotencia.

Pero é xusto recoñecer tamén que ao abrir o turno de palabra o primeiro que recibimos delas non foi argumento ningún sobre prostitución, do que sorprendentemente se despreocuparon para acometer con insistencia un un reproche agrio e hostil cara aos/ás organizador@s: “Se non invitastes a prostitutas esta charla é indignante e queda totalmente desacreditada”. Parece que ou se celebraba como elas querían ou non se podía celebrar. De pouco servíu alegar a nosa escasísima capacidade organizativa. A súa resposta foi de absoluto desprezo á explicación, dando a entender que non era crible. Pero o certo é que seguimos pensando que máis vale sacar un tema precariamente que non sacalo nunca, e un  pequeno grupo de activistas que loitan pola xustiza económica, xunto con outras feministas que loitan contra a desigualdade de xénero e o abuso, penso eu que merecen respecto por intentalo. Acaso non tiñamos ningún dereito a expresar argumentos se non se cumpría o requisito de incluír unha prostituta na mesa?

E, xa postos, que tipo de prostituta propoñían? Dase por suposto que unha que defenda a regulación. Quizais unha de vida burguesa que escribe chamativos  libros sobre a súa tormentosa biografía? Ou, se cadra, unha activista segura de si, con fortes vínculos colectivos, plenamente consciente dos seus dereitos e capaz de abandoar cando queira o exercicio da prostitución?

Pero se tratase de dar voz ás prostitutas, sendo rigoroso, seguramente habería que traer unha representante promedio das que reflicten as frías estatísticas. Dende logo, unha que non quere ser prostituta. Ben podería tratarse dunha nena de 18 anos, inmigrante, afeita ao sometimento, paralizada pola inseguridade vital e coa auto estima baixo terra; posiblemente vítima de traumas familiares e coa pobreza pesando na súa mochila. Non debería ter moitos estudos, e tampouco disporía de demasiados argumentos teóricos formulados sobre o propio drama que protagoniza…

Era quizais este arquetipo maioritario o “tipo” de prostituta” que querían ter a toda costa na mesa as airadas asistentes? Porque nas charlas que se divulgan por aí ese non é, nin moitísimo menos, o perfil promedio das defensoras da prostitución. Que lles parece, entón, se calificamos tamén esas charlas que propoñen como referencia de charlas “elitistas” que ignoran a un colectivo específico sen darlle voz? E, por certo, porque non adoitan incluír tamén a voz de clientes, proxenetas ou curas nas súas charlas? Non quedan así deslexitimadas por non aportar voces diverxentes? Evidentemente, non.

IMG_20160713_192226

Non obstsante, comprendemos a exaltación dun sector d@s asistentes, pois hai moi poucas oportunidades de facerse oir por certos colectivos. Debe ser por iso que traían moita ansia de falar, de amosarse, de argumentar. Iso foi o que conseguimos, e enriqueceunos, sen dúbida ningunha. Pero non é xusto que a pequena asociación Attac pague ela soa a culpa de todas esas carencias e frustracións. Abrímonos humildemente a un problema gravísimo coas ferramentas que tiñamos, e do mesmo xeito que se pode falar de evasión fiscal sen traer un evasor fiscal, ou de venda de órganos sen contar con alguén que cedeu un ril,  optamos por traer argumentos dende fora da “profesión” do sexo amparad@s  por voces feministas cualificadas e coñecedoras da problemática.

Conste que moi mal non o debemos facer cando se encheu o local ata acabar o acto e falaron, aparte das poñentes abolicionistas, regulacionistas, prostitutas e escéptic@s de diversa índole (algúns/has cun ton de superioridade bastante insufrible, por certo). Demos voz a posicións opostas á nosa aínda que, ao meu xuízo non foron quen de desbaratar nin modificar sequera a innegable realidade da prostitución como mercantilización do corpo feminino. E fronte ao infroitoso e circular argumento “en realidade eu non vendo o meu corpo, non me quitaron un trozo” (unha persoa anana que se deixa lanzar nunha discoteca para botar unhas risas tampouco perde trozos, pero non quita que sexa un “servizo” moralmente inaceptable para a sociedade), emitido dende a individualidade máis recalcitrante tan propia destes tempos onde moitos aspectos da vida deixan de observarse dende o colectivo, está a innegable e terrible lacra da explotación de millóns de mulleres que dan de vivir e deixan desfrutar a miles de desalmados e desconsiderados, e ata favorecen as estatísticas de economías depredadoras. Iso non debe ser legal nin socialmente aceptado.

Sexa como sexa, perdón pola inmodestia pero fomos atrevid@s ao sacar á rúa este espiñoso asunto cun aberto enfoque abolicionista. Só quixeramos que as persoas máis afectadas e implicadas con este problema (ou “servizo”, ou “sector económico” ou “traballo”, se el@s o prefiren denominar así) saiban de que lado estamos e teñan clara a nosa vocación de cambio social e de mellora das circunstancias vitais das persoas desfavorecidas. E ninguén poderá negar que estas abundan no mundo da prostitución..

Outra cousa é que non esteamos de acordo nos argumentos, pero no que si o estaremos, con toda seguridade, é en que se trata dun debate necesario que cómpre ir perfeccionando. Demasiadas persoas están sufrindo esta falta de consenso definitivo mentres o brutal incumprimento dos dereitos humáns  fai mella en millóns de vidas por culpa da pasividade. Haxa ou non individuos que teñan a capacidade de colocar o seu corpo nunha esfera mercantil perfectamente separada da súa mente (moit@s pensamos que esa capacidade aínda non se da tanto como afirman os promotores da regulación) a explotación das mulleres en prostitución, as reais, as escravas, as vítimas, as que proceden de países lonxanos e de familias pobres, debe ser erradicada canto antes. Seguiremos afirmando: #ProstituciónAbolición

Moitas grazas ás poñentes e a todas as persoas que interviñeron. Vémonos na próxima. E, por favor, se se da o caso vinde calmadas, que nós tamén tomaremos medidas… e se fai falta doble dose de Trankimazín.

César Villar

Folleto introductorio para charla sobre Prostitución

cartel-WEB

folleto >>

Como vemos que o tema está alporizando a algúns/has eventuais interesad@s, aí vai un pequeno folleto introductorio que aclara parcialmente a postura maioritaria no noso grupo.

E, por favor, non perdamos os nervos. Non é para tanto.

Charla-debate 13/07/2016 | Prostitución: a muller como mercancía.

cartel-WEB

A lexitimidade do exercicio da prostitución é un tema longamente debatido nos países do noso entorno, pero as solucións unánimes aínda están lonxe de alcanzarse. Nalgúns casos optouse  por legalizar as distintas variantes da “industria” do sexo promovendo a súa normalización como se formase parte dun sector económico máis. A intención sería dotar de maiores garantías ás persoas que a exercen, de seguridade xurídica aos colectivos implicados e, por suposto, facer emerxer unha lucrativa fonte de cotizantes e de ingresos nun momento no que a viabilidade dos “estados de benestar” atópase seriamente comprometida.

Outros países, en cambio, consideran que se afectan os dereitos das mulleres, que estas sofren explotación económica e que son vítimas das concepcións machistas cando deben ceder a facer un “uso comercial” dos seus corpos . Sen embargo, algúns gobernos limítanse a impoñer normas que non buscan erradicar a prostitución senón mantela acotada dentro dunha marxe de “decoro” e orde social sen atallar a precariedade económica e a desigualdade que a ocasiona… De feito,  é frecuente que a prostitución se manteña no inseguro limbo da alegalidade mentres as autoridades consinten neglixentemente prácticas delictivas asociados a este sector. Por último, hai países que mantenen unha postura belixerante perseguindo aos que se lucran da prostitución, concretamente, implantan leis restritivas que penalizan a proxenetas, empresari@s ou  usuari@s, e ás veces incluso ás propias vítimas, que son as prostitutas.

A pesar de todo,  ningunha das saídas acadou de momento unha solución aos enormes problemas sociais e humanos da prostitución.

Por iso dende Attac A Coruña estamos interesad@s en facilitar un debate social aberto sobre un tema de graves implicacións, e inclinámonos pola completa abolición desta práctica, é dicir, por convertela en ilegal e erradicala como actividade socialmente consentida. O motivo é que, ao noso entender, a prostitución implica, inevitablemente, a explotación da muller polo feito de ser muller e case sempre é o resultado da pobreza ou da precariedade vital no que se atopan moitas delas. Esta doble discriminación parece fora de toda dúbida e pensamos que existen argumentos de sobra para sostelo.

Para esta charla-debate contamos coa Asociación de Mulleres Feministas Falando Nós, formada por mulleres de diferentes ámbitos profesionais que veñen traballando en Ourense dende 2010 na loita e denuncia de todas aquelas actuacións que vulneren os dereitos humanos e, moi especialmente, os dereitos da muller, reivindicando o feminismo como motor de cambio social e promovendo todas as medidas necesarias para a consecución da igualdade real entre mulleres e homes.

Animámosvos a compartir connosco este encontro.

Vídeo sobre a charla debate “Cooperativismo para un modelo enerxético sostible”

Aquí tendes o vídeo do acto gravado o día 01.06.2016 na Cafetería Monty  no que Attac A Coruña e Som Enerxía trataron o tema da imperiosa necesidade de desenvolver un novo modelo enerxético e describiron unha fórmula cooperativa para facelo viable.

Lamentamos que por razóns técnicas non quedase constancia da última parte da intervención de Daniel Espinheira (Som Energía) e do debate posterior, pero pensamos que ata entón os poñentes aportaron informacións e análises de gran interese.

Onte celebramos unha charla sobre cooperativismo e enerxía

Onte celebramos a charla-debate que tiñamos organizada baixo o título “Cooperativismo para un modelo enerxético sostible”. Nela contamos coa presencia de Daniel Espinheira de Som Energía. En breve subiremos a gravación do evento, que contén a maior parte do que alí se falou, por iso deixaremos aquí reflectido un mero apunte.

IMG-20160601-WA0000

Leer Más…

CHARLA-DEBATE: COOPERATIVISMO PARA UN MODELO ENERXÉTICO SOSTIBLE

Actualmente, parecen quedar poucas dúbidas de que este sistema económico precisa un profundo cambio de paradigma, pero o que resulta incontestable é a inviabilidade medioambiental das actuais dinámicas produtivas e enerxéticas, dependentes dos combustibles fósiles ata un nivel suicida. Sen embargo, despois de que as crises confluíntes, a ecolóxica, a económica e a social, impactasen severamente no noso xeito de vida, non se observa nas institucións, organizacións políticas e no conxunto da sociedade, o cambio de mentalidade radical que esixe tan difícil encrucillada.
 flyer-a5-definitivo-energia-monty

Leer Más…

No #15M montamos un MercaTTIP

vG_UMlkG

Onte, no Obelisco, eliximos para a celebración do #15M unha pequena acción de rúa para manter a alerta sobre a ameaza do TTIP. Por iso montamos un MercaTTIP con produtos autóctonos, especialmente concebido para que grandes capitalistas comprasen e vendesen sen restriccións.

O acto desenvolveuse nun entorno festivo e, aínda que a concorrencia non foi moi grande, gustounos a tod@s voltar ás rúas, espazo natural de desenvolvemento para as que aspiramos a un cambio drástico neste sistema obsoleto e corrupto a partes iguais.

Para este 5º Aniversario do 15M quixemos facer fincapé en dúas cousas: no relativo éxito de certas mobilizacións sociais que logran facer saltar a chispa da indignación e que, no caso do TTIP constituíron un sorprendente exemplo de cohesión de moitos colectivos e eficacia divulgadora. E tamén na importancia de elixir ben os obxectivos das reivindicacións de cambio, porque o enimigo é calquera goberno neoliberal-autoritario, pero hoxe tamén o son, en gran medida, o Eurogrupo, as corporacións norteamericanas ou a gran banca. Consideramos que isto é algo que non debemos perder de vista mentres desenvolvemos loitas perentorias e moi lexítimas, pero de menor escala.

Queremos agradecer, outra vez máis, a todas as participantes o seu esforzo e o seu entusiasmo. Con persoas así, berrar nas rúas é doado.

Acabamos transcribindo o comunicado que lemos para esta ocasión onde se reflicte o potencial perigo do actual estado das cousas, pero tamén unha clara mensaxe de esperanza no cambio.

Reseñas na prensa? Pois afeitos a que a prensa local nos ignore, sorprendeunos que nos mencionasen nun xornal que non é precisamente unha célula de bolcheviques…

http://www.elidealgallego.com/articulo/coruna/espiritu-reivindicativo-retorna-obelisco-aniversario-15m/20160515234045285062.html

COMUNICADO NO 15M – CONTRA O TTIP

Veciños e veciñas da Coruña, en outubro de 2014 concentrámonos por primeira vez nesta mesma Praza para alertar dos prexuízos que o Tratado Transatlántico de Comercio e Inversión podería causar nas nosas vidas. A súa elaboración secreta e as consecuencias sufridas polos pobos onde se impuxeron tratados parecidos deixaban claro que esta era unha gran baza para as grandes corporacións e unha grave ameaza para a cidadanía.

Naquela ocasión revelamos que os tratos entre os Estados Unidos e a Unión Europea non perseguían cambiar patacas norteamericanas por xamón español, senón impoñer traballos precarios, comerciar libremente con transxénicos e pesticidas perigosos e lucrarse desmantelando os nosos servizos públicos. Tratábase dun ambicioso plan para permitir aos grandes capitais moverse libres sen respectar as economías locais, evitar as normas que nos protexen e incluso reescribilas para o seu beneficio.

Hoxe, mediado o ano 2016, as propostas máis ameazantes do tratado foron puntualmente confirmadas. Como dicía un prestixioso politólogo tras as filtracións recentemente divulgadas por Greenpeace, o TTIP é incluso peor do que parecía. Pero iso non quere dicir que a loita que comezamos daquela fose ineficaz. De feito, podemos afirmar que xa gañamos batallas moi importantes, e sen dúbida foi grazas á mobilización cidadana máis intensa e coordinada que lembramos fronte a un proxecto global dos poderes económicos dominantes.

A estas alturas, as vergoñas do TTIP xa son unha evidencia e non caben máis disimulos. De pouco lle está servindo a unha patética Unión Europea lavar a cara do Tratado. O merecido desprestixio deste plan xa está na rúa, e consegue día a día que se desinfle a proposta. Bruxelas recoñece que o TTIP entrou en vía morta, 1.300 concellos europeos decláranse contrarios, o goberno francés prevé o cese das negociacións… Quen nos ía dicir hai dous anos que eles están perdendo, e nós gañando?

Por iso hoxe, no aniversario do 15M, un movemento esperanzador que sacudíu o país hai cinco anos, parécenos un momento oportuno para celebrar o noso éxito, aínda que este non sexa definitivo. Merece a pena desfrutalo por dúas cousas: primeiro, porque está constituíndo un triunfo da unión da xente, do traballo colectivo do que estabamos tan necesitadas; e segundo, porque a loita xurdíu madrugadora e oportuna, coa forza xusta para conter a gravísima ameaza do TTIP, un ariete co que queren traspasar a fronteira dos nosos dereitos.

Agora xa sabemos como as gasta o gran capital, e agora entendemos mellor de onde veñen os golpes máis perigosos: das institucións europeas, das grandes corporacións, das altas finanzas. Cómpre, pois, que esteamos atentas e deseñemos as nosas defensas sen perdelas de vista.

E tamén sabemos que seguirán intentándoo, sen dúbida. Pero dominarnos non lles vai resultar tan doado como calculaban cando comezaron a concebir o delirio neoliberal do Tratado Transatlántico. Xa sabemos que é o que buscan, e a próxima vez saberemos defendernos a tempo coas mesmas armas coas que xa triunfamos.

Fronte aos que se queixan da mansedume cidadana apelemos a este exemplo. Quizais haxa quen dubide da capacidade colectiva para protexernos dos que atacan a nosa democracia, a nosa saúde ou o noso dereito a desfrutar dunha vida digna. Sen embargo, moitas non temos dúbida ningunha de que cando a cidadanía é consciente do que se xoga e cando logramos que prenda a chispa dunha loita xusta, non hai forza ningunha que nos poida humillar.

Así o demostramos e así voltaremos demostralo se fai falta.

Dous anos despois seguimos dicindo:

Venceremos ao TTIP!! Venceremos!! Seguro!!

Attac A Coruña

15M 2016

A %d blogueros les gusta esto: